O que importa Poem by Chus Pato

O que importa

O que importa non é o que puiden sentir senón a existencia real da casa e que nela habitan os soños; a maioría son capítulos, tramos de novelas: algún asasinato de resolución difícil, os disparos do vicecónsul en Lahore, os volcáns de Lowry . . . desenvólvense como fenómenos atmosféricos, envolventes, e malia a súa pertenza á literatura non emiten sons, máis ben epifanías lumínicas de pigmentación pura como as instalacións de Anish Kapoor

cando cheguei esperaba atopar as miñas irmás e irmáns de saúde. Non, a casa non está deshabitada, entre nós todo foi un vendaval de sangue e tótem

hai outras perspectivas, desde logo

*

se no edificio non vou atopar nunca os irmáns e irmás de influencia, se podo entrar e saír, vivir a súa desolación antártica, se coñezo os seus soños, que paso é o seguinte?

se teño acceso ao que se xera cando a construción pecha as pálpebras, son eu esta casa?

pero cando eu recoñecía os soños estaba nas inmediacións, nos arrabaldes

indago e expoño a dirección clandestina do mapa

cando era moza acompañei repetidamente un home ás películas de Sam Peckinpah. Eu detestaba esas películas

a dirección clandestina vén sendo o gozo dos verdugos

da unión conxugal por exemplo

claro que o poema non vai manifestar a actividade oculta das súas células

que estouran nos ceos como unha aurora boreal

ou a fisión dun átomo

**

malia o dito, o ceo nocturno continúa inquietándome

se substitúo as figuras astrais que mediante liñas imaxinarias trazo para orientarme polas pinturas das cavernas e os animais das cavernas polo presente / proxecto en incesante transformación a cópula dos antepasad*s, de tal maneira que os soños serían o Hades e toda iniciación nocturna unha viaxe xamánica

o que estoura é o animal, a súa perda é a linguaxe
rompe no celeste e na nada, nos ollos, cando os ollos ven dentro do ollos
estrala no verdor

da caverna ao ceo, do ceo á caverna, da caverna ao ventre

chamámoslle primavera

***

quen dorme torna ao edén e á sombra, contempla a súa desmembración, o excremento que unxe a palabra. (astro)

o mesmo que a nai, presupóndolle á naipela comprensión, lle fala, así se nos dirixe o poema

de ventre en ventre, en todas e en cada unha das antepasadas, cando só coñecía o ritmo do corazón e o pulmón non fora esgazado polo aire

moito antes de naceres, é o teu ceo de diamantes

escribo

****

cando soñamos, as paraxes en trepidante e súbita transformación son sempre primavera e inverno. Perséfone secciona o Hades

evocar o xardín, a luminosidade na plenitude do inverno/ non só Eurídice, senón os xenitais que se axustan, a parella cercada pola especie, brutalmente allea ao logos

todas as noites, cando a linguaxe pecha os ollos, descende aos ínferos. Alí, beira dun río de corrente mansa, nun bosque, o corpo de Orfeo é desmembrado pola éxtase

o ecrán sobre o que nos proxectamos é inconcluso como as augas; dentro do tambor viven os animais, os antepasados que se aparean e soñan na primavera e todas as noites a voz que fascinados aprendemos da nai é esnaquizada pola embriaguez da cópula

son Eurídice e Orfeo que sinalan o norte, a polarización, os astros. Eles disgregan o social, a lingua materna, xogan nun xardín, copulan

*

onte, unha alga verde e mesta na corrente era cobra, drákar, un rizo de animalidade, Medusa, Orfeo, Eurídice

COMMENTS OF THE POEM
READ THIS POEM IN OTHER LANGUAGES
Close
Error Success